
¿Queres información sobre as actividades do Contomar? Pulsa aquí.







Esta tarde celebramos no Contomar o cumprecontos de Emma, unha das nosas amigas que hoxe facía sete anos. Ela escolleu para celabralo A casa dos gatos: nós contámosllo, cantámoslle, pintámoslle unha bolboreta na cara e regalámoslle un conto, co desexo de que os libros e as historias camiñen sempre con ela.
Logo desta intensa semana de actividades organizada por Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, para celebrar o Día do Libro, mañá teremos unha nova sesión do Contomar con máis contos: Petra, Tres desexos, Ollobrusco ou O abrigo misterioso serán algunhas das historias que nos acompañen.
Hoxe 35 nenos e nenas participaron nunha nova sesión do Contomar pola que pasaron unha chea de contos: Orellas de bolboreta, Pétala, Un gato na árbore, Mariluz avestruz, Teño ganas de... e A noite das mudanzas. Todos estes contos foron desfilando baixo a atenta mirada do monstro peludo que, ao final, tamén nos quixo contar a súa historia cun rei e unha nena...


Este pasado luns os nenos do Contomar souberon do medo que pasou Cocorico mentres Gato Pelado estiraba a pata para collelo e papalo, divertíronse vendo todas as cousas que Se eu fose moi alto podería facer, respiraron aliviados cando o león conseguiu o silencio que precisaba A tartaruga que quería durmir e cantáronlle "Parabéns para ti" a Noa e mais a Emma, dúas das amigas do Contomar que celebraron connosco os seus cumprecontos: Noa co seu conto preferido, O galo Quirico, e Emma co seu, A ratiña presumida.